Os seudónimos e as súas modalidades (heterónimos, ortónimos, nomes artísticos, etc.) son elexidos libremente polo interesado[1], aínda que ás veces adopten fórmulas propias dos alcumes, como acontece con Periquito el Aguador ou Groucho Marx, ámbolos dous empregados polo uruguaio Juan Carlos Onetti para firmar algúns dos seus escritos, ou Pasionaria adoptado por Dolores Ibarruri para firmar un artigo de prensa e que logo levaría durante toda a súa vida.
En troques, os alcumes sonlle postos polos demais, así referíndose ós alcumes dise “chámanlle”, “chamábanlle”, “puxéranlle”, “dicíanlle”, “coñecido por”...
Por outra banda, os seudónimos empregados polos escritores e xornalistas teñen como principal finalidade oculta-la identidade do suxeto, por razóns de sexo: George Sand (Amandine Aurore Lucile Dupin), Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber); debido a un pasado escuro: O. Henry (William Sydny Porter); para protexerse de posibles conflictos a causa do contido dos seus escritos: Juan Pérez de Montalbán (Mariano José de Larra), ou por calquera outra razón: Clarín (Leopoldo Alas), Azorín (José Martínez Ruíz), Mark Twain (Samuel Langhorne Clemens)...
Os nomes artísticos buscan a sonoridade, o impacto frente ó público, o exotismo, mentres que, os alcumes reafirman a identidade e diferencian ó suxeto con respecto ós outros.
No mundo artístico non sempre esta diferenciación está tan clara, pois atopamos alcumes que son empregados como nomes artísticos, p.e. La Niña de los Peines, La Niña de la Puebla, Camarón de la Isla, etc. e tamén atopamos casos nos que o alcume non é asumido como nome artístico, p.e. El niño de Linares (o cantante Raphael).
[1] Como caso curioso é preciso citar ó insigne poeta portugués Fernando Pessoa (1888-1935), quen non somentes firmou a súa obra cos nomes de Alvaro de Campos, Ricardo Reis, Alberto Caeiro, Frederico Reis, Alexander Search, Charles Search, Bernardo Soares, Vicente Guedes, Chevalier de Pas, Barão de Teive, António Mora, Raphael Baldaya, Charles Robert Anon, A.A. Crosse, Thomas Crosse, Jean Seul, Abílio Quaresma, Pero Botelho, C. Pacheco, Caesar Seek, doutor Nabos, Ferdinand Summan, Jacob Satan, Erasmus, Mister Dare, Kapp Montale...senón que creou personalidades para cada un deles. (Antonio Tabucci: “Pessoana mínima”, Impresa Nacional-Casa da Moeda, Lisboa, 1984).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario