Os alcumes xurden sempre nun grupo reducido para despois, polo uso, impoñerse sobre o nome oficial ou legal.
Algúns aparecen xa na infancia, incluso no propio seo familiar, sendo os máis achegados, case sempre os irmáns os que llos poñen, na escola, os amigos cos que comparte xogos e travesuras, os veciños de máis idade. Xa na adolescencia e na xuventude o alcume pode perderse ou aparecer por primeira vez.
“Coñesín unha familia aquí en Santiagho, os irmáns poñíanse alcumes uns a outros e chamábanllos na casa. Á hora de comer sempre pelexaban por culpa deso”. (C.M.L., Vedra, A Coruña).
“Nos poníamos motes, mi hermano el mayor era el que los inventaba, pero papá no quería que nos llamáramos por los motes porque después nos quedaban”. (P.B.M., Pontedeume, A Coruña).
“Nas familias numerosas, ás veces, os irmáns poñíanlle alcumes uns ós outros e despois quedábanlle”. (M.C., Vedra, A Coruña).
Na escola e nos lugares de traballo, onde se xunta moita xente, é dicir alí onde os casos de homonimia son frecuentes, tamén abondan os alcumes.
“Nas empresas onde hai moitos traballadores, pouco a pouco, vanse poñendo alcumes pola forma de ser ou de traballar e logo acaban todos chamándolle”. (J.M.V., Ames, A Coruña).
Efectivamente, algúns alcumes xurden espontaneamente da necesidade de identificar a un determinado suxeito frente ós outros, non teñen, polo tanto, unha intención pexorativa. Acontece cos que teñen a súa orixe nos oficios, na procedencia, nos antropónimos familiares ou nas actividades comerciais.
“En tódalas casa había algún e aínda había quen tiña dous ou máis”. (M.B.D.R.., Villestro, Santiago de Compostela).
“Agora hai menos relación entre os veciños, non se coñecen uns ós outros e por iso non se poñen alcumes”. (C.S.G., Santiago de Compostela, A Coruña).
“Os alcumes xurden do trato prolongado e das relacións cos veciños”. (Varios informantes).
Algúns individuos son máis propensos á creación e ó emprego dos alcumes que outros.
“Cando tiñamos trece ou catorce anos, ó saír da escola, xogabamos a poñernos nunha rúa, debaixo dos soportais, a poñerlle nomes ás persoas que pasaban, polo seu aspecto físico, a maneira de andar ou calquera outra cousa que nos chamaba a atención”. (M.M., Santiago de Compostela, A Coruña).
“Miña nai tiña moito costume de poñerlle alcumes á xente, pero eran alcumes simpáticos, non ofensivos. Tiña moita gracia para iso e ás veciñas facíalles gracia. Despois tamén elas lle chamaban e acababa quedándolle”. (M.C., Vedra, A Coruña).
“Sempre me gustou inventar alcumes. Miraba para a persoa e xa se me ocurría algún. Debino herdar, porque a miña nai pasáballe o mesmo”. (M.C., Vedra, A Coruña).
“A muller de meu primo nunca falaba das veciñas se non era polo alcume. Chamábanos moito a atención porque na nosa familia non era costume”. (M.C., Vedra, A Coruña).
Os alcumes ás veces son herdados, outras veces “contaxian” a outros membros da familia. Unha mesma persoa pode ter máis dun alcume cando algún resgo físico ou algunha particularidade do seu comportamento resultan chamativos para os demais. Afectan por igual a tódalas clases sociais.
“Nas clases altas tamén se poñían alcumes, pero había máis coidado de non empregalos en público para que o interesado non se enterara”. (Varios informantes).
Outros créanse a partires de defectos físicos, da maneira de ser, costumes ou de anécdotas protagonizadas polos interesados.
Os alcumes son tamén unha manifestación da creatividade popular e algúns dos recollidos son autenticamente inxeniosos.
“Había alghunhas persoas que tiñan moita chispa para poñer alcumes”. (C.M.L., Vedra, A Coruña).
“Nos portos de mar, todos tiñan alcumes”. (Varios informantes)[1].
[1] Esta idea expresada maioritariamente polos nosos informantes non se corresponde coa realidade, pois moitos dos recollidos corresponden a pobos do interior (Ordes, Carballo, As Neves, Monforte...). Outro tanto acontece no conxunto da Península, pois en Castilla, Extremadura, A Mancha ou o norte de Andalucía o emprego de alcumes é tan frecuente como en Galicia e así o poidemos comprobar a traverso dalgunhas recopilacións ás que tivemos acceso.
jueves, 6 de agosto de 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario