
O nome é concebido nas sociedades primitivas non somente coma un instrumento para designar a unha persoa determiñada frente a outras, senón tamén e ó mesmo tempo como unha nota esencial da súa persoalidade. O que existe ten un nome e o que non ten nome non existe. Saber un nome é saber a esencia de quen o leva. E quen sabe a esencia dunha persoa pode exercer sobre ela unha influencia máxica. Este pensamento aparece, por exemplo, repetidas veces no Antiguo Testamento, aínda que non é exclusivo da cultura xudaica.
Na Biblia atopamos varios exemplos nos que as persoas cambian o seu nome cando reciben unha misión concreta. É de todos coñecido que cando Xesús lle encomenda a San Pedro (ata entón chamado Simón) a súa misión dille: “Ti eres Pedro e sobre esta pedra...”.
Ata non hai moitos anos, os relixiosos e relixiosas ó profesaren tomaban un nome diferente ó seu e este cambio simbolizaba a renuncia á súa vida anterior e o inicio dunha nova vida. Por razóns de orde práctica este costume desapareceu.
Actualmente, ó seren os nenos bautizados e inscritos no Rexistro Civil nada máis nacer, o nome non ten nada que ver coa personalidade que vai desenrolando ó pasaren os anos. En efecto, a diferencia doutras sociedades nas que o rito do bautismo se practica na adolescencia ou, incluso, na idade adulta, de xeito que o individuo pode escoller o seu nome, ou naquelas outras sociedades nas que se practican ritos de transición da infancia á xuventude, en Galicia, o mesmo que acontece nos países de maioría católica, os nomes véñenlle impostos ós nenos pola familia, actualmente polos pais, anteriormente polos padriños, seguindo costumes que foron evolucionando co paso do tempo e nos que a tradición xudeocristiana, a traverso da igrexa católica, ten unha gran influencia, e que poderíamos sintetizar nos seguintes:
· Seguindo a tradición familiar, é dicir, poñéndolle o nome do pai, da nai, avós[1], padriños ou outros familiares, incluso o nome dun irmán máis vello fallecido[2], dalgún familiar que estaba na emigración[3], etc.
· Tendo en conta as circunstancias do nacemento (festividade do día ou días próximos, o santo ou santa patrona da localidade, a condición de fillo ou filla de nai solteira[4], nacidos por cesárea[5], a coincidencia do nacemento coa morte recente dalgún familiar, etc.).
· As modas e os fenómenos de interculturación propios de cada época, entre os que cabería cita-los casamentos con persoas procedentes doutras Comunidades Autónomas ou doutros países, aínda que a súa incidencia sexa limitada.
· A emigración, que actúa neste caso como un factor de aculturación moi importante[6], pois ás veces non se opta por un antropónimo diferente, senón simplemente pola súa forma noutra lingua.
E xa máis recentemente, por influencia dos medios de comunicación e máis en concreto polas telenovelas realizadas en países latinoamericanos, nun intento de rachar coa tradición e diversifica-los antropónimos familiares, detectamo-la aparición dunha serie de nomes alleos ou fórmulas foráneas doutros xa tradicionais (Iván, Marián, Miriam, Cristal, etc.), así como asociacións estranas á nosa cultura (Fernando Xosé, Luis Alberto, etc.). Tamén desapareceu o costume de impoñerlle ós recén nacidos o nome do santo do día, sobre todo se era un nome pouco corriente, seguindo así os consellos dos sicólogos que alertan das posibles influencias negativas sobre a personalidade do neno ou da nena dos nomes que poden provoca-las bulras dos compañeiros de xogo ou de estudio.
Nunha investigación sobre a evolución dos antropónimos familiares realizado no ano 1996[7] apreciamos unha ruptura na tradición que se produce nos anos 60, cuias causas non é do caso explicar aquí, pero que ten como consecuencia unha meirande diversificación dos antropónimos, a desaparición do costume de poñerlle ós nenos o nome do santo do día e unha maior intervención dos pais na decisión sobre o nome dos fillos.
Sendo, pois, a homonimia un fenómeno moi frecuente na sociedade tradicional galega, xurden incluso no propio seo familiar os alcumes, xuntamente cos diminutivos, cunha finalidade meramente diferenciadora. Deseguida, “contaxian” a outros membros da familia e pasan a herdarse o mesmo que os apelidos oficiais.
[1] En Galicia, ata a década dos 60, era incluso máis frecuente poñerlle ós recén nacidos o nome dos avós que o dos pais, segundo un orde de prioridade que escomezaba polos avós “da casa”, é dicir aqueles cos que convivía o matrimonio e a súa descendencia. Tratábase, evidentemente, dun xeito de expresarlle ó seu recoñecimento ó avó ou á avoa, que tamén soían recompensar este xesto cunha meirande preferencia polo neto ou neta que levaba o seu nome.
[2] Este costume, para o que os nosos informantes nos proporcionaron distintas explicacións incluso contradictorias entre sí, non era exclusivo de Galicia. Así, por exemplo, sabemos que Salvador Dalí levaba o nome dun irmán morto ó pouco de nacer, circunstancia que chegaría a ter gran importancia na súa persoalidade.
[3] Nestes casos establecíase un sutil vínculo entre o neno ou a nena e a personalidade de quen herdaba o nome, pois, aproveitando a natural curiosidade infantil por saber porqué lle puxeran ese nome e non outro, os pais e, sobre todo as avoas, trataban de trasladar á memoria infantil os seus propios recordos da personalidade do ausente.
[4] Ós fillos de nai solteira poñíanlle ás veces nomes pouco frecuentes, tomados do santoral católico, iso si, pero que pola súa rareza daban lugar a comentarios por parte dos veciños. Durante a etapa republicana prohibeuse expresamente este e outros costumes discriminatorios tocantes ós apelidos, pero realmente ata os anos 60 non desapareceron por completo. Esta cuestión foi tratada máis ampliamente no noso traballo “A nai solteira en Galicia”, V Premio de Investigación Xoana Torres do Concello de Santiago de Compostela (inédito).
[5] Esta era a razón pola que se impoñían os nomes de César, Cesáreo, Ramón ou Ramona e Nonato, tanto como nomes únicos como formando parte de nomes compostos.
[6] Unha ollada ás esquelas que aparecen diariamente nos xornais permítenos decatarnos da importancia deste fenómeno.
[7] María MONTAÑA e outros: “A evolución dos nomes propios en Galicia e o fenómeno de aculturación por sustitución dos antropónimos tradicionais” (inédito).
No hay comentarios:
Publicar un comentario